Saturday 04 de May de 2024

As viaxes en catamarán con saída dende A Pobra chegan ao seu fin cunha visita a Sálvora


As viaxes en catamarán con saída dende a Pobra do Caramiñal para esta tempada de verán chegarán ao seu fin no 29 de agosto coa visita guiada á illa de Sálvora, pertencente ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.

Trátase, polo tanto, da quinta travesía en catamarán ofertada para este estío froito da colaboración por terceiro ano consecutivo entre a Concellaría do Turismo, da cal é titular a edil Charo Varela (Nós Pobra), e a empresa Piratas de Nabia.

O importe a pagar para desfrutar desta viaxe será de 21 euros para as persoas adultas e de 11 euros para nenos e nenas ata 12 anos. As persoas interesadas deben formaliza-la súa reserva con antelación a través da páxina web www.piratasdenabia.com ou do teléfono de contacto 986320048. Tamén se pode solicitar información e resolver dúbidas en www.apobra.gal/turismo ou no 671090262. A empresa xestionará directamente a tramitación das autorizacións de entrada ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas.